💃🏻🕺🏻 Ruta de sendeirismo pola contorna de Conxo, Vidán e Santa Marta

Dentro da Semana Cultural de Conxo 2026, dedicada este ano ao deporte e á actividade física, organizamos unha ruta de sendeirismo para descubrir, dun xeito diferente, a contorna de Conxo, Vidán e Santa Marta.

Trátase dun percorrido variado e accesible, pensado para gozar do deporte ao aire libre e, ao mesmo tempo, coñecer algúns dos espazos naturais, históricos e culturais que forman parte desta contorna de Santiago de Compostela.

Ao longo da ruta iremos alternando camiños de terra, corredoiras, zonas rurais e treitos urbanos, pasando continuamente do rural á cidade. Cruzaremos pontes e túneles e achegarémonos aos ríos Sar e Sarela, descubrindo ao longo do camiño muíños, antigas curtidoirías, hórreos, cruceiros, esculturas, parques e hortas urbanas.

O percorrido tamén nos permitirá gozar de vistas á catedral de Santiago e á Cidade da Cultura, así como coñecer diferentes camiños e itinerarios emblemáticos da contorna, entre eles o Camiño Portugués e o Camiño de Fisterra.

Unha proposta para facer deporte, camiñar, compartir e descubrir Conxo e os seus arredores, nunha ruta sen grandes costas e por lugares pouco concorridos.

Porque o deporte tamén é unha forma de coñecer e vivir o noso territorio.

Inscríbete aquí